O actual termo municipal do Masnou pertenceu, antigamente, a Sant Fèlix de Alella e a Sant Martí de Teià, pobos lindeiros relativamente afastados do mar para protexerse dos ataques dos piratas. A súa poboación vivía da agricultura e a pesca e, na praia establecéronse as comunidades de pescadores. Tiña estaleiros propios onde se construían grandes veleiros e embarcacións de pesca.
Co paso do tempo foron construíndose masías fortificadas próximas á praia e, a partir de 1812, coa proclamación da Constitución Liberal, a vila puido escoller alcalde. No entanto, a segregación e independencia do Masnou respecto de Teià non se produciu ata 1825. O novo municipio incorporou o barrio de Ocata e, posteriormente, en 1846 o barrio de Alella del Mar, chamado tamén Cases del Mar.
El Masnou conserva ata o día de hoxe os títulos de "Vila Benéfica" concedido en 1902 polo rei Afonso XIII, con motivo da construción dun asilo benéfico (a Casa Benéfica) e o de "Ilustrísima Vila", concedido en 1909, tamén por Afonso XIII, pola construción, sen axuda ningunha, da Escola Nacional (actual escola de Ocata).
El Masnou foi lugar de veraneo para a alta burguesía catalá que deixou o seu sinal nos diversos chalés e "torres" construídos durante os séculos XIX e XX.
Na actualidade, a agricultura desapareceu case por completo. Outrora estaba dedicada ao cultivo de froitas, hortalizas e verduras.
Actualmente, o seu principal e case único cultivo é o da flor, especialmente o caravel que se exporta a case toda Europa.
A industria é máis importante. Predomina o sector do téxtil (xéneros de punto), encabezadas pola compañía DOGI. Hai tamén industrias dedicadas á construción, á cerámica, ao vidro (Ramón Clemente) e produtos farmacéuticos (Alcon-Cusí).