Coslada é un municipio pertencente á Comunidade de Madrid. Pertence á comarca do Corredor del Henares e a súa proximidade a Madrid fai que se encadre na área de influencia da capital, aínda que Coslada sempre se configurou como unha cidade independente.
En Coslada está situado o Porto Seco da Comunidade de Madrid, o que a converte nun punto estratéxico. A maioría das empresas de transporte de mercancías importantes que operan en España teñen sucursal en Coslada. O outro grande activo económico de Coslada é a súa proximidade co Aeroporto Internacional de Barajas, onde traballa gran parte da súa poboación.
A poboación actual é de 91.906 habitantes (INE 2006) e o seu teito demográfico está cifrado en 130.000 habitantes, o cal probablemente alcanzará trala finalización do barrio do Jarama. Trátase dun municipio cosmopolita onde están censados máis de 15.000 estranxeiros, os cales supoñen actualmente un 12% da poboación censada.