De grande importancia foi a produción de viño a finais do século XIX, o denominado "Viño Carlón", que constituía a maior fonte de riqueza da cidade. Como exemplo diremos que no 1890 foron exportados 17 millóns de litros. Este cultivo realizábase tanto no termo de Benicarló como nas poboacións veciñas de Peníscola, Càlig e Vinaròs. A praga da filoxera acabou con practicamente todas as viñas da zona, desaparecendo por completo este cultivo.
Entre 1931-1944 construíuse o actual porto, co conseguinte impulso no desenvolvemento do sector pesqueiro que, na actualidade, mantén unha frota de máis de 50 embarcacións, a cal obtivo nos últimos anos, unha media de 1 500 000 quilogramos anuais de toda clase de especies mariñas, entre as que destacan o salmonete da pedra, pescada, polbo, peixe sapo, linguado e cigala.
Na década dos anos 60 do pasado século Benicarló converterase en centro receptor de inmigrantes. As causas que atraen esta poboación son: a industria (entre outros as do moble, as destilerías de esencias químicas e a construción) e o auxe turístico. Na actualidade cidadáns de diversas partes do mundo residen na cidade.
En canto á agricultura hai que sinalar que o termo municipal de Benicarló alberga gran cantidade de explotacións agrícolas, tanto de secán como de regadío, destacando a produción da afamada alcachofa de Benicarló (produto con Denominación de Orixe Europea) cítricos, tomates e outros produtos da horta.
A alcachofa (Cynara Scolymus) cultívase sobre todo nas rexións mediterráneas e nas zonas que gozan dun clima suave. O seu consumo data, de máis de dous mil anos. Estas plantas foron consideradas xa polos antigos como un apreciable alimento, e recomendábase especialmente con coandro, viño, aceite de oliva e Garum, nome dunha soada salsa de peixe usada na antigüidade.
É un cardo grande como o indican as raíces árabes do seu nome "espina de terra".