Lourdes foi durante a Idade Media unha poboación fortificada, cuxa situación xeográfica fixo que fose unha importante praza forte do condado de Bigorre. O seu castelo data do século XIV, reedificado no XVI. A praza foi cedida aos ingleses polo tratado de Brétigny en 1360 e ata 1406 non foi recuperada.
Cóntase que cando Carlomagno regresou da súa incursión en terras hispanas (logo da derrota de Roncesvalles), puxo sitio á praza de Lourdes que estaba ocupada polos musulmáns ao mando de Mirat. A lenda narra que durante o sitio viuse voar por encima da fortaleza unha aguia xigante que levaba no seu pico unha troita enorme que deixou caer aos sitiados. Mirat recolleu a troita e envioulla como agasallo a Carlomagno, asegurándolle que tiñan víveres suficientes para resistir o asedio. Carlomagno creuno e enviou ao seu bispo Turpin a entrevistarse co xefe da fortaleza. O resultado foi que o musulmán converteuse ao cristianismo e que tempo despois foi bautizado.
Como consecuencia desta lenda o brasón da cidade de Lourdes está representado por un escudo de goles con 3 torres negras ameadas sobre unha rocha de prata. Unha aguia negra coas ás abertas e cunha troita de prata no seu pico voa por enriba da torre mediana; punta en azul con 6 montes que separan os 7 vales de Lavedan bañados polo río Gave.
Torre defensiva do século XIV que garda no seu interior un bo museo de artes e tradicións populares dos Pireneos.
Santuario de Lurdes, centro de peregrinación católica entre os que destaca o Santuario da Nosa Señora de Lurdes.
Muíño de Boly. Aquí naceu Bernardette Soubirous o 7 de xaneiro de 1844. Os seus pais eran muiñeiros e coñecidos en Lourdes como os muiñeiros de Boly.
Casa paterna de Bernardette ou muíño Lacadé, onde vive a familia a partir de 1863. Nesta casa morreu a nai, Louise Castérot, o 8 de decembro de 1866.
Cachot, ou calabozo, na rúa de Petits-Fossés. Serviu de cárcere noutros tempos. Aquí viviu a familia de Bernardette nun único cuarto que medía 4,40 por 4 metros. Desde este lugar saíu Bernardette a buscar leña a primeira vez que tivo as visións, o 11 de febreiro de 1858.