Laconia, antes coñecida como Lacedemonia, é unha unidade rexional da Grecia, localizada no sueste da rexión do Peloponeso, con capital na cidade histórica de Esparta.
Ten unha extensión de 3 636 km2 e unha poboación, en 1991, de 94.916 habitantes[1].
Segundo Pausanias[2], o primeiro rei da rexión chamouse Lélexe, ou Lélex, e era autóctono. Chámanse autóctonos aqueles personaxes nacidos directamente da tierra, sen ter pai nin nai, polo que estaban vinculados a esta para sempre. Deste rei vénlle o nome ós primeiros habitantes da rexión, os lélexes[3]. Lélexe tivo dous fillos: Miles, que o sucedeu ó trono, e Policaón, que accedeu ó trono de Mesenia ó casar con Mesene, filla do rei de Argos[4].
Ascendencia e descendencia de Lacedemón e Esparta, segundo Apolodoro
A Miles sucedeuno o seu fillo Eurotas, un deus fluvial habido coa náiade Cleocaría, que dragou un pantano e creou un río, chamado Eurotas. Este casou con Clete e tivo unha filla, Esparta. Esparta casou con Lacedemón, fillo da náiadeTáixete[5] e Zeus, que foi o sucesor de Eurotas e quen bautizou ó reino como Lacedemonia[6] e á cidade principal, fundada por el, como Esparta. Dise que tiveron dous fillos, Amiclas (o seu sucesor) e Eurídice, que casaría con Acrisio e sería a nai de Dánae.