O Circuíto Internacional de Sepang (Malaio: Litar Antarabangsa Sepang) é unha pista de carreiras para os deportes de motor localizada en Sepang, Selangor, Malaisia. Atópase preto do aeroporto internacional de Kuala Lumpur, a uns 45 km ao sur da capital, Kuala Lumpur. Foi o lugar utilizado para o Gran Premio de Malaisia de Fórmula 1 ata 2017, e aínda se utiliza para o Gran Premio de Malaisia de Motociclismo, Malasia Merdeka Endurance Race e outros eventos importantes dos deportes de motor.
Considerado un parámetro de comparación para outros Grandes Premios, Sepang ten boxes e salas de prensa equipados con moderna tecnoloxía. Xurdiron algunhas queixas a raíz do estado da pista, que parecese estar afundíndose levemente. Unha posible razón que explicaría isto é o feito de que o autódromo está construído sobre terreos pantanosos.
En outubro de 2016 propúxose que o circuíto de Sepang podía caer do calendario da Fórmula Un debido á diminución de venda de entradas.[1]. En 2017 disputouse o último Gran Premio de Malaisia de Fórmula 1.
O circuíto principal, que normalmente é percorrido no sentido das agullas do reloxo, ten 5,54 quilómetros de extensión e é recoñecido polas súas curvas pechadas e as súas anchas rectas. O deseño é bastante infrecuente, destacándose a presenza dunha recta interior que se separa da recta principal de boxes por unha pequena pinza. Este circuíto utilízase para eventos de Fórmula 1 e MotoGP, así como tamén para carreiras a nivel local e rexional.
Tamén percorrido normalmente no sentido das agullas do reloxo, o circuíto norte está composto basicamente pola primeira metade do cicuito principal. O percorrido dobra cara á recta de boxes logo da curva 6, e ten 2,71km de extensión.
O circuíto sur está formado pola outra metade do circuíto principal. A recta interior é este último transfórmase na de boxes cando se utiliza o circuíto sur, uníndose á curva 8 para formar unha pinza. Percorrido no mesmo sentido que os dous circuítos anteriores, conta cun percorrido de 2,61km.