A banda foi formada a finais de 2004 polo guitarrista Mike Sullivan e o baixista Colin DeKuiper (ámbolos dous tocaban anteriormente no grupo instrumental Dakota/Dakota), e rapidamente recrutaron ao batería Dave Turncrantz, que tocara na banda de St. Louis Riddle of Steel. No ano 2006 Russian Circles publicaría o seu traballo de estrea, Enter.
En outono de 2007, anunciouse que a banda rompera a súa relación con Colin DeKuiper. Como resultado, as pistas de baixo do seu segundo álbum, Station, serían gravadas polo ex-baixista de Botch e These Arms Are Snakes Brian Cook, que se uniría ao grupo permanentemente. O seu terceiro traballo, Geneva, lanzouse o 20 de outubro de 2009 e chegou ao número 24 da lista Billboard Heatseekers.[1]
No ano 2011 Russian Circles asinou un contrato con Sargent House, que anteriormente só publicara en exclusiva os álbums da banda en edicións limitadas en vinilo. O seu cuarto álbum, Empros, foi lanzado o 25 de outubro de 2011. Tras a edición o grupo iniciou unha xira de promoción xunto con Deafheaven.[2] En maio de 2013 o grupo comezou a gravar o seu quinto traballo de estudio, producido por Brandon Curtis. Memorial publicouse a finais de outubro dese ano e aparece Chelsea Wolfe como vocalista invitada. Xuntos comezarían unha xira por Europa ese mesmo outono.