Vetranión
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | valor descoñecido Mesia |
| Morte | 356 Bursa |
| Causa da morte | morte natural |
| 1 de marzo de 350 (Gregoriano) – 25 de decembro de 350 (Gregoriano) | |
| Actividade | |
| Ocupación | monarca |
| Período | Imperio Romano |
| Carreira militar | |
| Rango militar | Magister militum |
| Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Flavio Vetranio Augusto, tamén denominado Vetranión, ou de xeito incorrecto Vetranio ou Vetriano, foi un militar romano que se converteu en emperador romano no 350, e morreu no 356. Pertenceu ao grupo de emperadores que se catalogan como "usurpadores do trono imperial".
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Vetranión, naceu na provincia romana de Mesia (actual Serbia)[1] nalgún momento do século III. Descoñecese a súa vida até que, de moi novo, se alistou no exército,[1] onde debeu destacar porque, sen ter educación nin relacións importantes,[2] ascendeu rapidamente até ser nomeado, polo emperador Constante, magister militum[3] e posteriormente, gobernador de Iliria onde estivo durante moito tempo.
Durante a diarquía de Constante e Constancio II (augustos ou emperadores da parte occidental e oriental do imperio, respectivamente), Vetranio estaba ao mando das lexións de Iliria e Panonia, cando no 350 Constante foi derrotado e o trono usurpado por Magnencio que se proclamou emperador de Occidente. Aínda que o seu primeiro impulso foi o de escribir a Constancio II para lle garanti-la súa fidelidade e pedir permiso para perseguir e castigar aos rebeldes, foi convencido por Constantina, a irmá máis vella de Constancio e filla de Constantino I, o Grande, para que se proclamara emperador.[4] Probablemente pensaba que Vetranión, considerado un oficial prudente e reputado, podía protexela a ela e a súa familia contra o usurpador mentres Constancio estaba en campaña contra os persas; aínda que autores como Gibbon atribúen a súa ambición a un plan preconcibido.[5] Finalmente, aceptou a púrpura a comezos de marzo de 350 en Sirmium, polo que é considerado un usurpador[6] e, de seguido, cuñou moedas co seu nome e o título de Augusto en lugar do de César.[7] De tódolos xeitos, mandou recado a Constancio de que se subordinaba á súa obediencia.[8] Constancio que estaba en campaña contra os persas e desexaba recobrar a zona occidental en mans de Magnencio, non tivo máis remedio que acepta-la situación[9] e finxiu crer no seu apoio e mandoulle recursos e un diadema.[8] En realidade, a verdadeira importancia da súa pretensión ao poder, foi impedir que Magnencio puidera conseguir o apoio das lexións que estaban nos Balcáns e que apoiaron a Vetranión.[10]
A situación complicouse cando Vetranión se uniu a Magnencio e acordaron ofrecer a Constancio unha triarquía a condición do recoñecemento deles dous como augustos, do seu dominio das provincias occidentais e de que deixara as armas. Mais cando Constancio rematou a campaña, foise contra eles, rexeitou as condicións de Magnencio e acordou unha conferencia con Vetranión o 25 de decembro, preto de Serdika (na Mesia superior) para intentar atraelo ao seu bando. Alí, Vetranión, decidiu abdicar do poder que exercera durante pouco menos de dez meses a favor de Constancio,[11] que o tratou con gran consideración e permitiu que se retirara a Prusa ad Olimpum (actual Bursa, Turquía) en Bitinia,[7][12] onde pasou o resto da súa vida, en tranquilidade e profesando a relixión cristiá da que era adepto. Morreu en 356.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 Gibbon (1932), p. 589, nota 75
- ↑ Bendle (2024), p. 38.
- ↑ DiMaio, Jr, Michael. "Vetranio". roman-emperors.org. Consultado o 09-12-2018.
- ↑ Bajo (1990). p. 26
- ↑ Gibbon (1932), p. 589
- ↑ Sayas & Abad (2013).
- 1 2 "Roman Empire, Vetranio - Not so Loyal After All". romanumismatics.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09-09-2018. Consultado o 09-12-2018.
- 1 2 Martínez del Romero (1843), p. 44
- ↑ Ferreras (1725), p. 272
- ↑ Collins (2000), p. 63
- ↑ Bajo (1990), p. 27
- ↑ Martínez del Romero (1843), p. 46
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vetranión |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bajo, F. (1990). Constantino y sus sucesores. La conversión del imperio. Col. Historia del mundo antiguo. Nº 59. Madrid: Akal. ISBN 84-7600-560-1.
- Bendle, Christopher (2024). The Office of "Magister Militum" in the 4th Century CE: a Study into the Impact of Political and Military Leadership on the Later Roman Empire. (en inglés). Stuttgart: Franz Steiner Verlag. ISBN 978-3-515-13614-3.
- Collins, Roger (2000). La Europa de la Alta Edad Media (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-460-1267-7.
- Ferreras, Juan de (1725). Synopsis histórica chronologica de España. Parte segunda. Madrid: Imprenta de don Antonio Pérez de Soto.
- Gibbon, Edward (1932). The History of the Decline and Fall of the Roman Empire (en inglés). Nova York: The Modern Library.
- Martínez del Romero, A., ed. (1843). Historia universal antigua y moderna formada principalmente con las obras de el conde de Segur, Anquetil y Lesage XIII. Madrid: Establecimiento Central.
- Sayas Abengoechea, Juan José; Abad Varela, Manuel (2013). Historia antigua de la península ibérica. II (Época tardoimperial y visigoda). (edición dixital). Madrid: UNED. ISBN 978-84-362-6534-7.
- Smith, William, ed. (1876). Dictionary of Greek and Roman biography and mythology (vol. III) (en inglés). Londres: John Murray. pp. 1249–1250.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- De imperatoribus Romanis (enciclopedia en liña dos emperadores romanos), (en inglés)
- Acuñacións de Vetranión (en inglés)
| Imperio Romano | ||
|---|---|---|
Segue a: Constante |
Vetranión | Precede a: Constancio II |
| Época da Tetrarquía imperial | ||
