close
Saltar ao contido

Sexano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSexano
BERJAYA
Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento3 de xuño de 20 a. C. Editar o valor en Wikidata
Volsínios Editar o valor en Wikidata
Morte16 de outubro de 31 Editar o valor en Wikidata (50 anos)
Roma Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, estrangulamento Editar o valor en Wikidata
Cónsul romano
Prefecto do pretorio
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico, militar Editar o valor en Wikidata
PeríodoAlto Imperio Romano Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
LealdadeImperio Romano Editar o valor en Wikidata
Rama militarGarda Pretoriana Editar o valor en Wikidata
Rango militarprefecto do pretorio Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeApicata
Livia Júlia Editar o valor en Wikidata
ParellaLivia Júlia
Aemilia Lepida Editar o valor en Wikidata
FillosCapito Aelianus
 (BERJAYA) Apicata
Lucius Aelius Strabo
 (BERJAYA) Apicata
Aelia Junilla
 (BERJAYA) Apicata Editar o valor en Wikidata
PaisLucius Seius Strabo
Sexto Élio Cato Editar o valor en Wikidata  e Junia Blaesa Editar o valor en Wikidata
IrmánsLucius Seius Tubero
Aélia Paetina
Aelia Catella Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft
Pequeno dicionario enciclopédico de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata

Lucio Elio Sexano, nado cara ao 20 a. C. en Volsinii (Etruria) e finado o 18 de outubro do 31, foi un militar romano e confidente do emperador romano Tiberio.[1] Nado na clase ecuestre, Sexano ascendeu ao poder como prefecto da garda pretoriana, da cal foi comandante dende o ano 14 até a súa execución por traizón no ano 31.

Malia que a Garda Pretoriana fora establecida formalmente co emperador Augusto, Sexano introduciu unha serie de reformas que viron a unidade evolucionar máis aló dun mero corpo de escolta, transformándoa nunha poderosa rama do goberno, involucrada na seguridade pública, a administración civil e, en última instancia, a intercesión política; cambios que tiveron un impacto duradeiro no devir do Principado.

Durante os anos 20, Sexano acumulou poder gradualmente ao consolidar a súa influencia sobre Tiberio e ir eliminando posibles opoñentes políticos, incluído o fillo do emperador, Druso Xulio César. Cando Tiberio se retirou a Capri no ano 26, o control da administración do imperio recaeu sobre Sexano, convertíndoo no cidadán máis influente e temido de Roma ata que, de súpeto, caeu en desgraza no ano 31, cando a súa carreira se atopaba no máis alto tras facerse co consulado. Sospeitoso de conspirar contra Tiberio, Sexano foi arrestado e executado, xunto cos seus seguidores.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Sexano naceu no 20 a. C. en Volsinii, Etruria, no seo da familia de Lucio Seio Estrabón e Cosconia Léntula Maluxinense.[2] A familia do futuro prefecto pertencía á orde ecuestre (ordo equester), unha das dúas clases máis altas da sociedade romana, só superada pola elite, formada polos patricios e os senadores. O avó de Sexano, con todo, mantiña relacións coa clase senatorial a través da súa amizade con Terencia, a esposa de Caio Mecenas, un dos máis poderosos aliados políticos do emperador Augusto.

O pai de Sexano, Estrabón, reforzou as relacións coa elite a través do seu primeiro matrimonio con Elia, filla do cónsul Quinto Elio Tuberón, coa que tivo un fillo chamado Lucio Seio Tuberón, que foi cónsul suffectus no 18.[2] Tras a morte de Elia, Estrabón casou con Cosconia Léntula Maluxinense Galita, irmá de Servio Cornelio Léntulo Maluxinense (consul suffectus no 10) e Publio Cornelio Escipión Léntulo, consul suffectus no 2, e media irmá de Quinto Xunio Bleso, consul suffectus no 10.[2] Con Cosconia, Estrabón tivo un fillo chamado Lucio Seio, que máis tarde sería adoptado na gens Aelia por Elio Galo e pasaría a chamarse Lucio Elio Sexano.[2]

A familia adoptiva de Sexano contaba con dous cónsules da súa rama: Quinto Elio Tuberón (cónsul no 11 a. C.) e Sexto Elio Catón (cónsul no 4). O tío de Sexano, Quinto Xunio Bleso distinguiuse como comandante militar e foi elixido procónsul da provincia de África no 21. Obtivo as honras do triunfo ao reprimir con éxito a rebelión de Tacfarinas.[3]

Segundo o antigo historiador Tácito, Sexano foi tamén amigo do rico Marco Gavio Apicio, cuxa filla podería ter sido a primeira esposa de Sexano. Coa súa primeira muller tivo tres fillos, dous varóns e unha muller: Estrabón, Capito Eliano e Xunila.[2][3]

Ascenso ao poder

[editar | editar a fonte]

Prefecto do Pretorio

[editar | editar a fonte]

É probable que Estrabón, o pai de Sexano, chamase a atención de Augusto a través da amizade que mantivo o seu avó coa muller de Caio Clinio Mecenas, aliado do emperador. Nalgún momento entre os anos 2 e 6[4], foi nomeado membro da Garda Pretoriana, unha das posicións máis privilexiadas que un cabaleiro podía ostentar no Imperio romano. Sexano realizou satisfactoriamente as súas funcións até a morte do emperador no ano 14. Sábese pouco desta parte da súa vida, aínda que segundo Tácito acompañou ao herdeiro adoptivo de Augusto, Caio César, durante as súas campañas en Armenia do 1 a.C.[3] Cando Tiberio sucedeu a Augusto no ano 14d.C., Sexano foi nomeado prefecto do pretorio como colega do seu pai Estrabón.

A Garda Pretoriana era a escolta militar de elite que creou Augusto no 27 a. C. coa función específica de protexer a vida do emperador e do resto de membros da familia imperial. Posteriormente os pretorianos foron adquirindo poder e chegaron a administrar os asuntos civís e a seguridade pública. A súa presenza servía ademais de recordatorio para o pobo e para o Senado da forte base de poder que sustentaba aos emperadores. Augusto, con todo, buscando non ofender aos republicanos, non permitiu que a garda estivese composta por máis de nove cohortes (menos tropas que unha lexión romana), as cales se atopaban comandadas por dous prefectos[4].

Cando se nomeou a Estrabón gobernador de Exipto no ano 15, Sexano converteuse en comandante único da Garda e iniciou unha serie de reformas que reforzarían o poder das futuras xeracións de pretorianos, que rematarían por converterse nunha ferramenta crucial para o principado[4][5]. No 20 d.C., os campamentos que estaban dispersos pola cidade concentráronse nun só, situado nas aforas da cidade[3]. O número de cohortes aumentou de nove a doce[4], acompañando unha delas, ao longo do día, á familia imperial. A tradicional cooperación entre os dous prefectos pretorianos quedou rota e Sexano nomeaba, como un autócrata, a tribunos e centurións[3].As reformas de Sexano supuñan a dispoñibilidade e lealdade dunha forza de 12000 soldados acampados na periferia da propia Roma.  Tiberio, deixando atrás a prudencia de Augusto, chegou mesmo a exhibir a Garda nos desfiles[5].

Disputa con Druso

[editar | editar a fonte]
BERJAYA
Druso o Menor, fillo de Tiberio e inimigo de Sexano

En calidade de prefecto do pretorio, Sexano converteuse rapidamente en asesor e conselleiro de confianza de Tiberio. No ano 23 exercía xa unha considerable influencia sobre as decisións tomadas polo emperador, quen se refería a Sexano como «Socius Laborum» (compañeiro de fatigas)[3]. A esas alturas Sexano xa alcanzara a pretura, unha posición que non era habitual que ostentasen membros da clase ecuestre. Erixiuse unha estatua na súa honra no Teatro de Pompeio e no Senado os seus seguidores foron promovidos a postos de gran privilexio.[6] Con todo, a clase senatorial non vía con bos ollos o ascenso de Sexano, que espertou hostilidades en parte da familia imperial, sobre todo no fillo de Tiberio, Druso o Menor.

A inimizade entre Sexano e Druso remontábase ao ano 15, cando estalaran disturbios entre as lexións estacionadas en Xermania e Panonia. Aínda que o seu fillo adoptivo, Xulio César Xermánico sufocara con éxito a rebelión, Tiberio enviou ao seu propio fillo, Druso, acompañado de dúas cohortes comandadas por Sexano[3]. Druso rematou rapidamente cos restos do motín e executou aos líderes instigadores. A man executora dos asasinatos foron os pretorianos[3]. A pesar deste éxito, ao longo dos seguintes anos a animosidade entre Sexano e Druso iría en aumento.

Tras o ascenso de Tiberio ao trono, o emperador conferira gradualmente poder ao seu fillo biolóxico, confirmándoo como o seu sucesor ao cederlle o mando das lexións de Iliria no ano 18, chegando Druso a ostentar o consulado conxunto con Tiberio no ano 21. Con todo, Sexano exercía xa como man dereita do emperador e ambicionaba ampliar o seu poder. No 20 procurou reforzar a súa relación coa familia imperial prometendo en matrimonio á súa filla Xunila, de catro anos, a Claudio Druso, fillo de Claudio, pero o matrimonio non chegaría a celebrarse a causa da morte accidental do rapaz.

Vendo fracasado o seu primeiro intento de ingresar na familia imperial, Sexano centrou a súa atención en eliminar ao seu rival, Druso o Menor. A inimizade entre ambos chegara a un punto crítico no ano 23: tanto é así que Druso batera en Sexano lamentándose abertamente de que «un estraño participase no goberno mentres estaba vivo o fillo do emperador».

Cando Tiberio estaba na sesentena, a ascensión ao trono de Druso víase cada vez máis preto. Para asegurar a súa posición e a súa vida, Sexano logrou seducir á muller de Druso, Livila, e entre os dous conspiraron para asasinar ao enganado esposo. Livila tería envelenado lentamente a Druso, logrando rematar finalmente coa súa vida o 13 de setembro do ano 23.

Consolidación do poder

[editar | editar a fonte]
BERJAYA
Busto do emperador Tiberio (Ny Carlsberg Glyptotek, Copenhague). Durante os anos vinte, Tiberio foise desilusionando cada vez máis coa política romana, ata o punto de abandonar a capital e retirarse á illa de Capri, deixando a administración prácticamente en mans de Sexano.

Durante o reinado de Tiberio, o emperador renegou progresivamente das súas tarefas delegándoas noutros ata que finalmente se retirou á Illa de Capri, deixando gran parte da administración do Imperio en mans de Sexano. A perda do seu fillo foi un gran golpe persoal e político para Tiberio, afeito a delegar gradualmente as súas responsabilidades imperiais en Druso a medida que pasaban os anos. A súa morte frustrou os plans de Tiberio, quen renegou definitivamente das súas responsabilidades cedendo todo o poder a Sexano, en espera de que crecesen os fillos do gran xeneral Xermánico.

Xermánico morrera no ano 19, en circunstancias sospeitosas, en Siria (probablemente envelenado por Cneo Calpurnio Pisón), e por mor da súa morte, a súa esposa Agripina a Maior volvera a Roma cos seus fillos e unírase a un grupo de senadores que se opuñan á autoridade dun Sexano cada vez máis poderoso. As relacións entre Agripina e o emperador eran malas, debido a que á súa chegada á capital manifestara a súa convicción inequívoca de que o asasino de Xermánico fora contratado por Tiberio. Tamén xurdiu unha gran inimizade coa viúva de Augusto, Livia Drusila, que se opuña ás desbocadas ambicións de Agripina. Pola súa banda Sexano vía unha potencial ameaza nos fillos de Agripina, Nerón César, Druso César e Caio Calígula.[7]

Sexano fixo un novo intento de ingresar na familia imperial ao solicitar o matrimonio con Livila no ano 25, tras terse divorciado en dúas ocasións da súa primeira esposa. Posiblemente Sexano buscaba, con este matrimonio, ingresar na familia imperial e, grazas á súa condición de membro da Dinastía Xulio-Claudia, poder ser un posible candidato á sucesión. O emperador rexeitou a proposta do pretoriano, ao que advertiu de que corría o risco de exceder os límites da súa posición. Esta inesperada réplica levou ao ambicioso Sexano a cambiar de plans, procurando illar a Tiberio en Roma. A paranoia cada vez maior que experimentaba o emperador e os seus receos cara a Agripina e o Senado levárono a retirarse, primeiro a Campania no ano 26 e finalmente a Capri no 27, onde permanecería até a súa morte no ano 37. Ao ter acceso á correspondencia imperial, Sexano controlaba agora, por completo, a información que circulaba entre o Senado e Tiberio.

A retirada de Tiberio supuxo que todo o poder quedase en mans de Sexano, que actuou con moderación até a morte de Livia Drusila no ano 29. A partir da morte de Livia, Sexano iniciou unha serie de xuízos pola cidade mediante os cales eliminaba aos seus inimigos políticos, aos que proscribía aumentando o Tesouro e a súa propia fortuna. Moitas das vítimas que eran falsamente acusadas por redes de espías e informantes optaron por suicidarse, evitando a deshonra de ser executados tras o vilipendio dun xuízo amañado. Entre os que caeron estaba Caio Asinio Galo, influente senador que se opuña a Tiberio e que estaba vencellado á facción de Agripina. A propia Agripina e dous dos seus fillos foron exiliados no ano 30 e morreron de inanición en sospeitosas circunstancias. O único fillo de Xermánico que logrou sobrevivir a Sexano foi Calígula, que se trasladou a Capri con Tiberio no ano 31.

No 31, a pesar do seu rango ecuestre, Sexano compartiu o consulado con Tiberio in absentia, e finalmente casou con Livila. O emperador non aparecera por Roma dende o ano 26, e Sexano converteuse no gobernante de facto do Imperio. Os senadores e os cabaleiros tratábano coma se fose tal, os seus aniversarios celebrábase polas rúas de Roma e erixíronse estatuas na súa honra.[8] Tras esmagar aos seus opositores políticos, a posición de Sexano volveuse practicamente intocable. O historiador Dión Casio descríbeo así:

Sexano ostentou tanto poder e tanto orgullo que parecía ser o propio emperador.[9]

Durante moitos anos de intrigas e conspiracións ao servizo do emperador, Sexano cimentara o seu propio camiño para converterse no home máis poderoso do Imperio. Pero a finais do 31 foi detido, xulgado, condenado e executado sen contemplacións. As razóns da súa súbita caída non están do todo claras: os antigos historiadores crían que a conspiración que iniciara Sexano contra o emperador chegara a oídos de Tiberio e este decidira actuar, mentres que os modernos historiadores cren que Sexano non soñaba con obter o poder para si mesmo, senón que ambicionaba actuar como rexente de Tiberio Xemelgo, fillo de Druso, ou do fillo de Xermánico, Calígula.[10][10] A parte da obra de Tácito, Anais, que fala sobre este tema, perdeuse. Segundo o historiador xudeo-romano Flavio Xosefo, foi Antonia a Menor, nai de Livila, a que alertou a Tiberio da conspiración de Sexano ao enviarlle unha carta a Capri. O portador da carta foi o famoso liberto Marco Antonio Palas.

O historiador Dión Casio proporciona información detallada dos factores que desembocaron na caída do pretoriano na súa obra Historia Romana, escrita 200 anos despois. Parece ser que cando Tiberio tivo novas de que Sexano usurpara a súa autoridade en Roma, tomou de inmediato medidas para expulsalo, pero decatouse de que condenalo podería iniciar unha rebelión armada. O emperador emitiu unha serie de cartas contraditorias ao Senado, nalgunhas das cales eloxiaba a Sexano e aos seus seguidores e noutras os condenaba, anunciou que chegaría a Roma ao día seguinte e dimitiu das súas funcións como cónsul obrigando a Sexano a facer o mesmo. Calígula foi investido coas honras do sacerdocio reavivando o apoio popular á casa de Xermánico. A confusión resultante das accións do emperador fixo que moitos dos partidarios de Sexano o abandonasen ata ver aclarado o asunto e ampliou o radio de acción e de influencia de Tiberio en Roma.[11]

Cando foi evidente que Tiberio retirara o seu favor a Sexano e que este quedara desprovisto de moitos apoios aos que o emperador temía enfrontarse, escolleu a Nevio Sutorio Macrón, prefecto de vixiles, corpo de policía e bombeiros romano, aliñándoo como posible sucesor de Sexano. O 18 de outubro de 31 Tiberio convocou a Sexano ao Senado, comunicándolle nunha carta os seus desexos de investilo cos poderes tribunicios. Ao entrar no Senado ao amencer, os senadores felicitárono polo seu novo cargo, pero mentres Macrón estaba a asumir a prefectura dos pretorianos un corpo de vixiles rodeara o edificio.[12]

Execucións e consecuencias

[editar | editar a fonte]
BERJAYA
Moeda de Augusta Bilbilis coa inscrición L. Aelio Seiano borrada como resultado da súa sentena.

No 31, Sexano foi detido e condenado a morte. O Senado emitiu un Damnatio memoriae sobre el e por tanto destruíronse todas as estatuas que se erixiran na súa honra e o seu nome desapareceu de todos os rexistros públicos. As moedas nas que figuraba o seu nome desapareceron da circulación. A noite do día en que foi detido, o Senado celebrou unha sesión no Templo da Concordia e condenouno formalmente. Sacaron a Sejano do cárcere e estrangulárono, o seu corpo foi arroxado polas escaleiras Xemonias, onde foi despedazado e lanzado ao Tíber por unha multitude enfebrecida.

Os disturbios que seguiron á morte do Prefecto están relacionados co réxime de terror que levara a cabo. Os pretorianos á súa vez comezaron a saquear casas cando foron acusados de actuar por afecto ao seu antigo prefecto. O fillo maior de Sexano, Estrabón, foi detido e executado o 24 de outubro.[10] Ao saber da morte do seu fillo, a primeira muller de Sexano, Apicata, suicidouse o 26 de outubro tras enviar unha carta a Tiberio relacionando a Sexano coa morte de Druso, alegando que contaba coa complicidade de Livila. As acusacións da finada esposa foron corroboradas por unha serie de confesións de Livila nas que admitía ter envelenado a Druso.

Enfurecido tras coñecer a verdade, Tiberio ordenou unha serie de execucións sistemáticas ao longo da cidade. Livila suicidouse ou, como conta a lenda, foi obrigada a morrer de fame pola súa propia nai Antonia. Incluso os dous fillos sobreviventes de Sexano, Capito Eliano e Xunila, foron detidos e executados en decembro dese mesmo ano.[2] Como unha antiga lei prohibía a execución de mulleres virxes e Xunila tiña once anos, Tiberio ordenou que ao verdugo a violala antes de estrangulala.[13][14] A principios dese mesmo ano, aplicouse un damnatio memoriae sobre Livila.

Aínda que nun primeiro momento Roma celebrara a morte de Sexano, a cidade pronto caeu presa dunha serie de xuízos que Tiberio puxo en marcha co obxectivo de capturar a todos os que apoiaran ou puideran apoiar ao antigo Prefecto. As filas do Senado foron decimadas e os que máis sufriron foron os integrantes da Dinastía Xulio-Claudia.[10] Nada escapou á ira de Tiberio. As detencións e execucións eran agora supervisadas polo novo Prefecto do Pretorio, Quinto Nevio Sutorio Macrón. Esta política de axitación continuou até a morte, no ano 37, de Tiberio, que foi sucedido polo fillo de Xermánico, Caio Calígula.

Garda Pretoriana

[editar | editar a fonte]

Dende a morte do primeiro emperador, Augusto, o 19 de agosto do ano 14, a Garda Pretoriana espertou do seu letargo e comezou a empregar a súa forza militar co obxectivo de impor os seus propios criterios e ambicións dentro da administración do Imperio. Augusto foi, por tanto, o único emperador que ostentou o poder total, xa que á súa morte a Garda converteuse nun poderoso instrumento político.[15] A máis importante das reformas de Sexano foi a fundación do campamento base da Garda, a Castra Praetoria, o que unificaba a todas as forzas da cidade. A realidade da forza política da Garda fíxose evidente cando, no ano 31, Tiberio decidiu empregar vixiles como garda persoal. A pesar de que a Garda Pretoriana foi fiel a Tiberio até a súa morte, o seu poder político fixérase evidente.

Cando Sexano acadou o poder a través da súa prefectura da Garda, validou o consello que Cayo Mecenas fixera ao emperador Augusto, advertíndoo de que era perigoso deixar a un só home ao mando de toda a Garda. O historiador Dión Casio argumenta que, tras a morte de Sexano, só un prefecto do pretorio acaparou tanto poder: Caio Fulvio Plauciano. Por mor da morte de Sexano, a Garda comezou a desempeñar unha política ambiciosa e sanguenta, a través da cal alcanzou riqueza e poder asasinando, en ocasións, aos propios emperadores e intimidando aos seus propios integrantes ou ao pobo romano. No ano 41, o sucesor de Tiberio, Calígula, foi asasinado pola propia Garda, que colocou a Claudio no trono crendo que o ancián, indolente en apariencia, sería fácil de manexar. O Senado, con todo, atreveuse a oporse á Garda.

Historiografía

[editar | editar a fonte]

Coa excepción de Veleio Patérculo, os historiadores antigos coinciden en condenar a Sexano, aínda que difiren na teoría de quen manipulou a quen, si Sexano a Tiberio ou Tiberio a Sexano.[10] Segundo Suetonio, Sexano non foi máis que un instrumento de Tiberio, a man executora na caída de Xermánico e a súa familia, que o emperador cercenou cando deixou de ser útil. Tácito afirma, á súa vez, que o goberno de Tiberio sufriu unha degradación gradual tras a chegada da corruptora influencia de Sexano, aínda que tamén se mostra duro co propio emperador.

Entre os escritores que foron vítimas do réxime de terror do prefecto, atópanse os historiadores Aulo Cremucio Cordo, Veleio Patérculo e o poeta Fedro. Cordo foi levado a xuízo por Sexano, no ano 25, baixo acusacións de traizón, ao ser acusado de eloxiar a Marco Xunio Bruto e Caio Casio Lonxino nos seus escritos, falando deles como os «últimos auténticos romanos», o que se consideraba un delito en virtude da Lex Maiestas, e por tanto o Senado ordenou a queima dos seus escritos. A súa caída é relatada por Séneca na súa carta a Marcia, a filla de Cordo, Ad Marciam, de Consolatione. Segundo Séneca, é probable que o escritor incorrese no odio do emperador ao ordenar erixir unha estatua de si mesmo. Séneca afirma que Cordo tería morto de fame.[16] Marcia foi fundamental á hora de salvar o traballo do seu pai, a fin de que puidese ser publicado baixo o reinado de Calígula.[17]

Fedro converteuse en sospeitoso de aludir a Sexano nas súas Fábulas, e por iso recibiu ameazas de morte (Cf. Fábulas I.1, I.2.24, e I.17). Veleio Patérculo foi un historiador contemporáneo de Sexano; os dous volumes da súa gran obra, a Historia Romana falan de Roma dende a Caída de Troia, até a morte de Livia Drusila no ano 29. Na súa obra, Patérculo fala ben tanto de Sexano como de Tiberio, e mesmo defende a posición do primeiro no goberno a pesar do seu rango ecuestre. Descoñécese, malia todo, se a defensa de Patérculo respondía a unha auténtica admiración ou a un ruin interese, aínda que si que se coñece que foi asasinado debido á súa amizade con Sexano durante as purgas ordenadas por Tiberio tras a morte do pretoriano.

Sexano na literatura

[editar | editar a fonte]

O ascenso e caída de Sexano foron obxecto de varias obras de literatura: dúas obras de teatro no século XVII e unha serie de novelas do século XX:

  • Sejanus: His Fall (1603), unha obra de Ben Jonson.
  • A Traxedia de Tiberio Claudio Nerón, obra anónima de 1607.
  • Eu, Claudio, novela de Robert Graves, e a súa posterior adaptación á televisión en 1976. Na serie de televisión é interpretado por Patrick Stewart.
  • Sejanus (1998), a terceira novela da serie Marcus Corvinus, escrita por David Wishart.
  1. Sejanus (11th ed.). Springfield, Massachusetts: Merriam-Webster. p. 1503. ISBN 9780877798095.
  2. 1 2 3 4 5 6 Adams, Freeman (1955). "The Consular Brothers of Sejanus.". The American Journal of Philology 76: 70–76. Consultado o 23 de julio de 2007.
  3. 1 2 3 4 5 6 7 8 Tácito. Anais.
  4. 1 2 3 4 Bingham, Sandra (1997). The Praetorian Guard in the Political and Social life of Julio-Claudian Rome. The University of British Columbia. ISBN 978-1845118846.
  5. 1 2 Dión Casio. Historia romana.
  6. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «tacitus-annals-iv-2».
  7. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «tacitus-annals-iv-12».
  8. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «dio-history-lviii-2».
  9. Dión Casio Historia Romana LVIII.5
  10. 1 2 3 4 5 Boddington, Ann (Enero 1963). "Sejanus. Whose Conspiracy?". The American Journal of Philology 84 (1): 1–16. Consultado o 23 de julio de 2007.
  11. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «dio-history-lviii-8».
  12. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «dio-history-lviii-9».
  13. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «tacitus-annals-v-9».
  14. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «dio-history-lviii-11».
  15. Durry, Marcel (1938). Les Cohortes Prétoriennes. París: Editions De Boccard. pp. p156.
  16. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «seneca-marcia-xxii-4-6».
  17. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «seneca-marcia-i-2-4».

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]