A laverca dos campos,[1] comunmente laverca[2][3] ou loia,[4] (Alauda arvensis), tamén chamada cotovía[Cómpre referencia], é un paxaro pequeno da familia dos aláudidos (Alaudidae) moi notable polo seu canto.
Son paxaros de plumaxe pouco vistosa, duns 18cm de lonxitude. Por riba son da cor da terra con listas negras. A parte inferior é abrancazada con debuxos negros no peito. A cola non é moi longa e ten as beiras brancas, coma as puntas das ás, que son curtas e anchas (máis nos machos que nas femias). Teñen unha crista pequena de plumas na cabeza que poden subir e baixar. As patas son fortes, adaptadas para andar polo chan, onde pasan a maior parte do tempo, procurando graos e insectos. No chan, desprázanse preto da terra, contra a que se agochan en caso de perigo.
O canto e un "trrlit" moi claro, que realiza voando alto en espirais sobre o seu territorio. Pode durar moitos minutos. Cando remata a demostración sonora baixa o chan coas ás pregadas, primeiro amodo e despois bruscamente.
Habita en campo aberto, sobre todo na estepa cultivada, campos de labranza, e prados de herba curta. Precisamente os cambios nos sistemas de cultivo dos cereais parecen estar afectando ás poboacións desta ave en moitas zonas da súa distribución e causando unha forte redución. Crían en toda Europa agás Islandia e no norte de África. No leste e norte de Europa é estacional, emigrando ó sur no inverno, que pasan na cunca do Mediterráneo e en Oriente Próximo
Fai un niño de herbas no chan, ben agochado entre a vexetación e difícil de atopar. Pon entre 3 e 6 ovos. En Europa adoitan poñer ovos en abril e en xuño. Poden criar máis dunha niñada en cada época reprodutiva, mesmo chegando ás tres. Os ovos son de cor branca amarelada con marcas castañas. Incuban uns 11 días, e os dous pais alimentan os polos, que deixan o niño ós 7 ou 9 días, uns dez días antes de poder voar. Son mantidos polos pais ata o mes de vida.