Este artigo amosa escritos chineses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Este artigo amosa escritos mongois. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
A dinastía Yuan (chinés tradicional e simplificado: 元朝; pinyin: Yuán cháo; Wade-Giles: Yüan2 ch'ao2), oficialmente o Gran Yuan (chinés tradicional e simplificado: 大元; pinyin: Dà Yuán; Wade-Giles: Ta4 Yüan2; mongol: ᠶᠡᠬᠡ ᠶᠤᠸᠠᠨ ᠤᠯᠤᠰ, Yeke Yuwan Ulus), foi unha dinastía imperial da China de orixe mongol, así coma un dos estados derivados da división do imperio mongol.[1] Foi establecida por Kublai (emperador Shizu ou Setsen Khan), o quinto emperador-khagan do clan mongol Borjigin, e existiu entre o 1271 e o 1368. Na historiografía chinesa, a dinastía Yuan seguiu á Song, e precedeu á Ming.
Malia que o ascenso ao trono de Xenxis Khan como Khagan no 1206 foi descrito polas fontes chinesas empregando o título de emperador, seguindo o uso dos han, e que o imperio mongol gobernaba territorios do norte da actual China dende había décadas, non foi até o 1271 que Kublai Khan fundou unha dinastía ao estilo dos han, e a súa conquista dos territorios chineses non se completou até o 1279, cando a dinastía Song do sur foi definitivamente derrotada na batalla de Yamen.[2][3] O seu reino, na aquela altura, xa estaba illado do resto de khanatos mongois, e controlaba a meirande parte da China e as súas áreas circundantes, incluíndo a Mongolia contemporánea.[4] Trátase da primeira dinastía chinesa fundada por unha etnia distinta dos han.[5][6] No 1368, tras a derrota das forzas de Yuan pola emerxente dinastía Ming, os monarcas mongois refuxiáronse no altiplano de Mongolia e continuaron co seu goberno até o 1635, cando se renderon ante a dinastía Jin posterior (xermolo dos Qing). Este estado coñécese na historiografía coma a dinastía Yuan do norte.
A dinastía Yuan foi o khanato gobernado polos descendentes de Möngke tras a división do imperio mongol. Nas historias oficiais da China, considérase que os Yuan posuían o mandato do ceo. Malia ser fundada por Kublai Khan, este ordenou situar ao seu avó Genghis Khan como fundador da dinastía nos rexistros imperiais, e como tal recibiu o título póstumo de Taizu 太祖.[2] No seu edicto Jianguo hao zhao 建國號詔 (Proclamación do nome dinástico, 1271), Kublai Khan anunciou o nome da nova dinastía, o Gran Yuan, proclamándose sucesor das dinastías anteriores.[7] Algúns dos emperadores Yuan dominaron a lingua chinesa, namentres outros só empregaron o seu mongol nativo.[8]
Kublai, que era Khagan ou Gran Khan do imperio mongol dende o 1260, declarou o seu dominio sobre o resto de khanatos (o Chagatai, a Horda de Ouro, e o Ilkhanato) antes de proclamarse emperador da China no 1271. Como tal, os Yuan tamén recibiron ocasionalmente o título de emperadores do Gran Khan. Secasí, aínda que o resto dos khanatos os recoñeceron como soberanos temporalmente, a súa subordinación era nominal e continuaron a desenvolverse de xeito independente.[9][10]